Diego González repite como mellor espada do Froiz na Copa España ao ser 13º na Clásica de Primavera

Pontevedra
21 de marzo 2019

O arxentino Nahuel D'Aquila (Mutua Levante) foi o vencedor este xoves na cuarta cita puntuable da Copa de España Elite e Sub-23, unha carreira que se decidiu ao sprint co corredor do Froiz situado entre os mellores

Equipo do Froiz na Clásica de Primavera de Ontur Grupo Deportivos Supermercados Froiz

O Gran Premio Primavera de Ontur presentábase este xoves como unha cita complicada para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, a quen as lesións das súas mellores bazas para a Copa de España Elite e Sub-23, Jesús Arozamena e Óscar Linares, lastroulle no inicio da competición.

Con todo Diego González por segunda xornada consecutiva salvou a honra do equipo e meteuse no grupo cabeceiro con opcións de vitoria ata o final.

González aproveitou o traballo dos seus compañeiros para manterse entre o grupo de 30 que se disputou o triunfo ao sprint tras unha carreira rápida e dura, pero non puido pasar da décimo terceira posición co mesmo tempo que o vencedor, o arxentino Nahuel D'Aquila (Mutua Levante).

Pola súa banda o Froiz conseguiu o cuarto posto por equipos.

En canto a Diego González, con esta actuación escala 6 postos na xeral da Copa de España tras catro probas, colocándose na 19ª posición con 63 puntos.

A próxima cita da Copa de España non se fará esperar, o vindeiro domingo 24 de marzo en Villanueva de Castellón co Memorial Pascual Momparler.