A falta de goles, o Pontevedra bota o cadeado á súa portaría

Pontevedra
09 de marzo 2026

No últimos seis partidos de liga, os granates apenas encaixaron dous tantos, deixando a súa meta a cero até en catro ocasións. Esa solidez defensiva permítelles manterse en postos de play-off

Marqueta, no partido entre Pontevedra e Lugo en Pasarón

Os empates nesta liga suman, e moito. É unha mensaxe que se cansou de repetir Rubén Domínguez nas últimas semanas, e os resultados están a darlle a razón.

Pese ao momento gris que atravesa a nivel ofensivo o seu equipo, ao que lle está custando ver porta, a solidez defensiva permitiu ir sumando empate a empate para manterse momentaneamente en postos de play-off. Nin cinco xornadas sen gañar apearon o Pontevedra da súa situación de privilexio, claro que a clasificación está cada vez máis comprimida e a pesar de ser terceiros con 42 puntos, aos pontevedreses soamente sepáranlles 3 puntos do úndecimo posto que ocupa o Real Madrid Castilla.

Analizando os números, no últimos cinco partidos os de Rubén Domínguez só marcaron (que foran válidos) nunha ocasión, co gol de falta de Yelko Pino ante o Lugo, quedando sen pólvora contra Castilla (0-0), Cacereño a domicilio (1-0), Osasuna Promesas tamén fóra (0-0) e Unionistas en Pasarón (0-0).

Pola contra botaron o cadeado á súa propia portaría desde a goleada fai seis xornadas no campo do Talavera (0-4). Desde esa data Marqueta apenas encaixou dous goles, un fronte ao Lugo e outro en Cáceres, sumando até catro portarías a cero.

Isto supón unha porcentaxe de 0,33 goles por partido.

Con estas metas a cero, o Pontevedra sobe a nove as xornadas que o conseguiu na liga ao longo da tempada, sete delas con Marqueta como meta titular e dúas máis con Edu Sousa.

Cabe destacar que os granates, con 20 goles encaixados, son o segundo equipo menos goleado do grupo I de Primeira RFEF e o terceiro de toda a categoría, só superado polos líderes de ambos os dous grupos, o Tenerife (16) e o Sabadell (15).

Nas próximas xornadas, que poden resultar decisivas para soñar até o final de curso co play-off, estes números poranse a proba enfrontándose por esta orde o Arenas de Getxo (13º na táboa) a domicilio, Ourense CF (15º) en Pasarón e Zamora CF (10º) fóra da casa, todos eles partidos que se disputarán en sábado ás 16.15 horas.