Plácida vitoria do Poio Pescamar na segunda etapa do maratón de partidos que debe afrontar o equipo neste segundo mes do ano. Despois de derrotar con claridade ao Viaxes Amarelle, as de Manu Cossío asestaron unha goleada aínda máis contundente ao Cidade das Burgas que afianza ao cadro vermello na zona máis alta da clasificación e como un dos equipos máis en forma da primeira división do fútbol sala.
Non pasaran nin cinco minutos do inicio do partido cando as visitantes, por medio de Antía, adiantáronse no marcador. Arrefriouse logo o partido durante cinco minutos nos que ningún dos dous equipos era capaz de xerar perigo, ata que as conserveiras golpearon de novo. En tres minutos máxicos, Daniele Sousa, con dous tantos, deixou o partido sentenciado para as súas.
E por se a renda non era suficiente, Irene García encargouse de facer o cuarto antes do descanso para asegurar a vitoria. Tras o paso por vestiarios, as rojillas dedicáronse a controlar o partido e administrar a súa vantaxe. Pero non desaproveitaron as súas oportunidades para ampliar a seu casilleiro goleador. Iraia Arbeloa, no ecuador do segundo tempo, fixo o quinto e Antía, xa nos minutos finais redondeou a goleada.
Maquillou o resultado para as locais, que se atoparon cos reflexos de Silvia Aguete nas súas poucas aproximacións á meta visitante, Sonia Pacios a vinte segundos do final.