Gómez Noya abandona en Dubái por problemas físicos a unha semana do seu debut nas Series Mundiais

Pontevedra
27 de febreiro 2015

O triatleta galego retirouse no sector de bicicleta por un problema no glúteo que espera non lle impida "competir la semana que viene" en Abu Dhabi

Javi Gómez Noya saudando o francés Vincent Luis, tralo tríatlon de Hamburgo Delly Carr / ITU Media

Javier Gómez Noya non será o 'triatleta do millón de dólares' ao retirarse da primeira proba do circuíto de media distancia patrocinado polo príncipe de Bahréin, Nasser bin Hamad Al Khalifa.

O gañador dos Ironman 70.3 de Dubái, Omán e Bahréin recibiría esa substanciosa recompensa pero Gómez Noya, un dos principais favoritos, despediuse deste premio no primeiro deles.

O triatleta galego abandonou no sector de bicicleta por un problema no glúteo que lle impediu seguir adiante nunha proba na que se impuxo o neozelandés Terenzo Bozzone (3:41:45), mentres en categoría feminina a vitoria foi para a suíza Daniela Ryf (4:05:01).

Este contratempo para Gómez Noya chega a unha semana do inicio das Series Mundiais de Tríatlon, nas que o ferrolano afincado en Pontevedra defende coroa.

Con todo, o galego confía en que estes problemas físicos lle permitan estar en Abu Dhabi a próxima semana: "Me hice daño en el glúteo en la bici y, aunque lo intenté, no pude terminar. Espero poder competir la semana que viene", recoñeceu o actual campión do Mundo a través da súa conta de Twitter.