Igor sae da enfermaría e Dalisson dá un paso adiante na súa recuperación

26 de febreiro 2025

O central é xa un máis no traballo de grupo, mentres que o hispano-brasileiro, con maior cautela, vai incrementando o seu ritmo nos adestramentos e empezou a tocar balón

Igor Irazu, nun adestramento do Pontevedra Pontevedra CF SAD

Noticias positivas na enfermaría do Pontevedra Club de Fútbol.

Igor Irazu é xa un máis no traballo de grupo co resto dos seus compañeiros, tras un par de semanas a menor ritmo.

Descartada unha lesión ósea e con mellores sensacións, o central foi incrementando o ritmo de adestramentos ata incorporarse ao 100%.

Así se puido ver xa este mércores, tras a habitual xornada de descanso do martes, no campo Manolo Barreiro 2 da Xunqueira, lugar habitual dos adestramentos do primeiro plantel, polo que estará dispoñible para a próxima xornada de liga coa visita ao feudo do Rayo Cantabria.

Con máis cautela avanza a recuperación do outro home que ocupaba a enfermaría granate, Dalisson de Almeida.

O hispano-brasileiro, tal e como avanzou Yago Iglesias na previa do choque ante o Escobedo,  deu un paso adiante porque "as sensacións cada vez son mellores", pero sen querer aínda forzar a máquina xa que "aínda din que a lesión non está cicatrizada de todo".

Isto tradúcese xa en velo sobre o céspede sintético da Xunqueira, traballando ás ordes de preparador físico Jonatan Fernández pero aínda sen integrarse nos exercicios colectivos.

Iso si, Dalisson adéstrase a maior intensidade e comezou a tocar balón, o que dá esperanzas de que poida superar por completo a súa lesión nun período breve de tempo e volver así ao equipo ante o tramo decisivo da tempada.

Cabe lembrar que o 18 granate leva xa máis dun mes ausente, sendo o seu último encontro ata a data o disputado contra o Compostela en Pasarón o 19 de xaneiro.

El será, salvo contratempo, a única baixa por lesión para a próxima xornada, un partido que perderán por sanción dous futbolistas máis, como son Rufo e Xabi Domínguez.