A armada española para o mundial de taekwondo que se disputará en Bakú entre o 25 de maio e o 6 de xuño estará composta maioritariamente por deportistas galegos. Cinco foron os deportistas de Galicia seleccionados pola Federación Española para este decisivo campionato e deles, tres forman parte de equipos pontevedreses. É o caso de Iván García e Arlet Ortiz, do Mat's de Marín; e Sara Cortegoso, do Mace Sport. Completan a nómina Alma Pérez e Tania Castiñeira.
Desde o ente federativo deron a coñecer a lista de convocados despois da disputa do Open de España da pasada fin de semana, no que os taekwondistas galegos demostraron un alto nivel ao conseguir sete medallas, dúas delas de ouro.
De fronte ao campionato do mundo, todos os ollos están postos en Iván García que traballa a contrarreloxo para recuperarse da súa operación de xeonllo, da que foi intervido hai uns meses e evoluciona de forma favorable co obxectivo de chegar en forma para o mundial.
O que non logrou o billete para Bakú foi o marinense Sergio Troitiño, medalla de ouro no Open e que, a pesar da súa xuventude, segue evolucionando a pasos axigantados. Si estará, en cambio, a súa compañeira de equipo Arlet Ortiz que conseguiu, do mesmo xeito que Sara Cortegoso, unha medalla de prata no nacional que lle abriu a porta á cita mundialista.