Encarnizada. Así será a loita do Pontevedra pola quinta praza no último mes de competición, e é que os granates aspiran a xogar a próxima tempada a Copa do Rei e ese obxectivo complicouse cos últimos tropezos.
A derrota ante o Celta B fixo aos granates caer á sétima posición con 51 puntos, os mesmos que teñen Burgos e Cultural Leonesa, quinto e sexto.
Só o quinto clasificado gañarase unha praza no torneo do K.O., pero os aspirantes multiplicáronse, con catro equipo nun só punto (o Guijuelo ten 50 puntos) e o Somozas á espreita a tres de distancia, con 48.
Cando só restan catro xornadas de liga, o Pontevedra sabe que depende de si mesmo e xogarase todo ante rivais directos, xa que tres deses catro partidos serán ante Somozas, Leonesa e Burgos.
Os granates contan co calendario máis complicado a priori, empezando este domingo 24 coa visita ás Somozas (18:45 horas). Recibirán despois ao Valladolid B en Pasarón, viaxarán a León na xornada 37 e terminará a liga regular na casa ante o Burgos.
O primeiro plantel do club pontevedrés, tras a xornada de descanso, pensa xa en terminar a tempada na mellor posición posible. Todos os xogadores, a expeción dos lesionados Capi e Pablo Carnero estarán a disposición de Luisito na primeira das catro finais que restan.
O dianteiro segue sen poder incorporarse ao grupo e a opción de que regrese aos terreos de xogo esta tempada parece complicada. Caso diferente é o de Capi, que aos poucos vai recuperando sensacións nos adestramentos e incrementando o ritmo de traballo pensando en volver ao equipo nalgún dos partidos que restan.