O parón para recuperar o partido do Rácing de Ferrol e Guijuelo este domingo, e a un encontro para concluír a primeira fase da liga na Segunda B, non quita o soño a Luisito, que só pensa en "adestrar e que os futbolistas se vaian atopando mellor para a segunda fase", sexa cal sexa.
O técnico granate recoñece que os tropezos do Pontevedra desde que el está de adestrador non son xustos; "temos menos puntos dos que o equipo mereceu", pero admite que "non vale de nada queixarse do que puido ser e non foi".
Sen tempo e ganas para lamentarse, Luisito recoñece que nunha liga de 38 xornadas "este equipo voaría" e estaría nos tres primeiros postos con Rácing de Ferrol e Deportivo. Con todo, ao tratarse de 18 partidos, "o marxe de erro é moi pequeno" e "é o risco que corres".
Neste sentido, o número reducido de xornadas tamén afecta os xogadores veteranos, entre eles Charles, o máis sinalado por non render ao seu mellor nivel. A pesar diso, o técnico do Pontevedra aposta por el. "Ten toda a miña confianza", confesa Luisito, que está "convencido de que aínda vai dar moitísimo" e vai ir "de menos a máis".
Coa vista posta na partida fronte ao Guijuelo o día 28, o de Teo pensa en "traballar máis que nunca" e "ser fortes mentalmente", única forma de chegar á seguinte fase "na mellor forma".