Lydia Pérez e Pablo García abren a tempada en Francia

Pontevedra
04 de outubro 2018

Os dous deportistas do Club de Loita Pontevedra participará esta fin de semana no Torneo Internacional Henri Deglane de Niza (Francia) de loitas olímpicas

Noelia Lalín e Lydia Pérez, deportistas bolseiras no CGTD Federación Galega de Loitas Olímpicas

A tempada iníciase en Francia para os dous máximos expoñentes do Club de Loita Pontevedra, Lydia Pérez e Pablo García.

Ambos os deportistas, bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, participarán esta fin de semana, ata o domingo 7 de outubro, no Torneo Internacional Henri Deglane de Niza de Loitas Olímpicas, na que supón a súa primeira competición oficial do curso.

Lydia competirá na categoría de -62 quilos, mentres que Pablo García farao na de -74 quilos dentro do equipo que despraza á cita a Selección Nacional Absoluta.

Xunto a eles estará tamén Noelia Lalín (Keltoi Vila de Cruces), que adestra no grupo de tecnificación do CGTD de Pontevedra, completando a representación galega en Francia Damián Iglesias (Club de Loita Touro).