Malestar no Pontevedra ante o silencio da RFEF, mentres o Guijuelo propón o mércores 20 para xogar en Pasarón

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

Descartada a data deste mércores 13 de xaneiro, a Real Federación Española de Fútbol rexeita a opción de que o encontro se dispute na data libre no calendario, o 28 de febreiro. Desde o Pontevedra cren que deixar pasar moito tempo supón "adulterar a competición". Sen acordo á vista entre os clubs, deberá decidir o Comité de Competición

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

O aprazamento do partido de liga que debía enfrontar ao Pontevedra e ao Guijuelo no Estadio Municipal de Pasarón o pasado domingo 10 de xaneiro terminou en polémica ante o desacordo de ambos os clubs para recolocar a xornada perdida.

O Pontevedra apostaba por xogar canto antes, este mesmo mércores 13 ás 19.00 horas, pero ante o silencio federativo dáse por perdida esa data e resígnase a mirar cara ás próximas semanas para recolocar o choque.

"A día de hoxe ninguén nos chamou nin feito unha proposta por parte da RFEF", recoñecen desde o Pontevedra, para quen deixar pasar o tempo sen fixar o partido supón "unha adulteración da competición", defenden desde a planta nobre de Pasarón.

No club granate existe certo malestar pola situación, tendo en conta que outros compromisos de liga do grupo como o Ferrol-Salamanca ou o Zamora-Deportivo termináronse por disputar, e ante a imposibilidade de poñerse de acordo co Guijuelo prefiren que decida o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

O que está descartado é utilizar a data libre que se reserva o calendario da Segunda B, o 28 de febreiro.

Mentres tanto desde o Guijuelo falou este martes a súa directora xeral, Natalia González, concretamente no programa provincial de Deportes Cope, sinalando que "entiendo que en Pontevedra estén molestos por que no haya un acuerdo".

A directiva do cadro salmantino defendeu a posición da súa entidade afirmando que "cuando hay un aplazamiento nos tenemos que poner de acuerdo los dos clubes para ver lo mejor para cada uno. Obviamente ellos querrían ese día por cualquier interés que tendrían pero nosotros con la situación que veníamos sin entrenar viernes, sábado y domingo no veíamos conveniente poner el partido tan temprano".

Por iso trasladaron varias propostas á Federación, sendo "el próximo miércoles 20 lo más temprano",, confirma a directora xeral do club chacinero.