Margarita Moreira sela a súa continuidade co Arxil

Pontevedra
11 de agosto 2023

Será a sexta campaña de Moreira no equipo pontevedrés. Na pasada, foi a quinta xogadora que máis minutos acumulou ao longo da liga

Margarita Moreira, no partido entre CB Arxil e Tirso Intercentro no CTGD Cristina Saiz

Seguen as renovacións no Club Baloncesto Arxil, que asegurou a continuidade un ano máis de Margarita Moreira.

Será a súa sexta campaña no equipo pontevedrés, despois de finalizar o pasado curso como quinta xogadora con máis minutos ao longo da tempada na Liga Feminina 2, destacando en labores defensivos.

Moreira elevou as súas prestacións o último ano cunha media de 7,5 puntos e 2,7 rebotes por partido, estando en cancha 22,7 minutos por encontro.

Para esta nova tempada Margarita espera "demostrar o que vallo, achegar o máximo posible ao grupo e culminar o que quedou a medias esta pasada tempada que non chegamos á fase final", sinala.

Con ela pasan a ser sete as xogadoras renovadas no Arxil xunto a Heather Forster, Andrea Glomazic, Mirian García, Nerea Liste, Nena Trajchevska e Cristina Díaz-Pache, ademais da canteirá Aldara Vázquez que compaxinará presenzas no primeiro equipo e no filial.