María Lago, segunda confirmación no plantel do Arxil

Pontevedra
25 de xullo 2018

A xogadora do Porriño cumprirá así a súa oitava campaña defendendo as cores do Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina 2

María Lago, no partido entre Arxil e Cortegada no CGTD Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil colleu ritmo na confección do plantel co que volverá competir na Liga Feminina 2.

María Lago converteuse na segunda xogadora confirmada para o próximo proxecto verde, sumándose así a Carla Fernández. A xogadora do Porriño cumprirá a súa oitava campaña no clube, no que se converteu nunha das xogadoras máis utilizadas por  Mayte Méndez.

No último curso alcanzou unhas cifras de 10,7 puntos, 3,3 rebotes, 2,7 asistencias e 2,4 roubos por partido.

Segundo confirmou o clube, presentouse oferta de renovación a todas as integrantes do equipo, salvando ás baixas xa confirmadas de Chantel Charles, Ana Román e Ana Martín.

A COPA GALICIA, EIXO DA PRETEMPADA

O club pontevedrés xa coñece o calendario que lle espera na Copa Galicia, competición sobre a que pivotará a fase de preparación e que se disputará nunha primeira fase de liguiña entre os equipos de LF2 ata as semifinais, nas que entrarán en xogo os dous equipos galegos de Liga Feminina.

Polo momento, o Arxil xogará o 16 de setembro ante o Celta Zorka, o 19 de setembro ante o Cortegada e o día 23 ante o Maristas.