Noa Vincelle estréase coa selección española de boxeo

Marín
09 de outubro 2025
Actualizado: 13:05

A boxeadora do Team Thunder de Marín foi convocada pola selección española de boxeo para participar no prestixioso Boxam Internacional

Noa Vincelle, coa Selección Española de Boxeo Team Thunder

A canteira do Team Thunder de Marín está de parabén.

A súa boxeadora Noa Vincelle foi convocada por primeira vez pola selección española de boxeo, referendando o traballo de base realizado desde a vila marinense.

En concreto foi citada polo equipo nacional para participar no prestixioso Boxam Internacional, un dos torneos máis importantes do calendario amateur.

Noa permanecerá concentrada coa Selección toda a semana, participando en sesións de adestramento e combates fronte a rivais de alto nivel.

Está acompañada nesta aventura polo seu adestrador, Mario Peteiro.

Unha oportunidade que lle chega á deportista do Team Thunder tras os seus grandes resultados en torneos como a Porto Box Cup, o Open de Braga e o Open Vila de Marín.

O Boxam Internacional organízase en La Nucía, Alacante, baixo o amparo da Real Federación Española de Boxeo.

A competición desenvolverase até o vindeiro domingo 12 de outubro.