O Arxil, pendente dos problemas de visado de Fallon Lewis no seu regreso aos adestramentos

Pontevedra
29 de decembro 2014

O conxunto pontevedrés programou un dobre amigable ante o Olivais portugués a próxima fin de semana para preparar o seu regreso á competición

Adestramento do Arxil no pavillón universitario Diego Torrado

Rematáronse as vacacións para o Club Baloncesto Arxil, que dende este luns prepara xa o seu regreso á competición.

Non se producirá ata o próximo día 10 de xaneiro a domicilio ante o Bizkaia, segundo clasificado, pero antes as verdes afrontarán un dobre compromiso amigable ante o Olivais de Coimbra, este sábado 3 de xaneiro no Pavillón Municipal dos Deportes (20:00 horas) e o domingo 4 no CGTD (12:00 horas).

Será unha cita importante para retomar o ritmo competitivo que situou as pontevedresas na zona de play-off de ascenso tras o seu bo comezo de liga.

Non estará no dobre amigable Ana Martín e a incerteza céntrase na estadounidense Fallon Lewis, que se encontra no seu país intentando solucionar un problema de visado.

Con todo dende o club verde esperan que chegue a Pontevedra antes desta fin de semana, aínda que o importante é que o faga para a volta da Liga Feminina 2.