O Arxil traza o plan de ruta da próxima tempada coa idea de renovar a todo o plantel

Pontevedra
13 de abril 2017

Tras concluír a súa participación na Liga Feminina 2, o club pontevedrés pensa xa na próxima campaña e iniciará as conversacións coas xogadores para coñecer os seus plans. A intención é ofrecer a renovación a todo o plantel, incluídas Minata Keita e Arantxa Mallou, últimas fichaxes e que ofreceron bo rendemento en Pontevedra

Partido entre Arxil e ADBA Avilés no CGTD Diego Torrado

Tras concluír a competición na Liga Feminina 2 e darse uns días para reflexionar no futuro, o Club Baloncesto Arxil pensa xa na planificación dunha nova campaña.

No club verde pensan que o balance global da tempada é positivo grazas á sexta praza final, a unha soa vitoria do play-off de ascenso a pesar dos numerosos problemas que tiveron que afrontar ao longo do ano, como a espantada da venezolana Waleska Pérez.

A directiva está satisfeita co rendemento dado polo plantel no tramo final de competición, e por iso o obxectivo será renovar a todas as xogadoras e, se se consegue pechar algún novo apoio económico, tentar concretar unha fichaxe máis que de maior profundidade á rotación do equipo.

O Arxil iniciará desta forma conversacións con todas as xogadoras para coñecer as súas intencións, sendo a prioridade atar a continuidade de Minata Keita e Arantxa Mallou, fichaxes que deron un alto rendemento e sobre os que queren que pivote o novo proxecto na segunda categoría nacional.

Non lle faltarán ofertas a Keita, non en balde a pivot malí terminou a liga como segunda xogadora mellor valorada do grupo (22,19 puntos), a terceira máxima anotadora (18,3 puntos por partido) e a mellor reboteadora (12,5 de media).

No caso de Mallou, a compostelá nos seus 12 partidos co equipo pontevedrés alcanzou 10,1 puntos e 6 asistencias por partido.

Ademais no Arxil teñen presente o gran rendemento ofrecido por xogadoras como Ana Román ou María Lago, e pretende continuar dando presenza á canteira. De feito Mayte Méndez usou ao longo da tempada ata 17 xogadoras, algunhas delas do equipo filial e outras mesmo do junior, como  Ana Fernández, Carmen Parada e Uxía Fraga.