O Cisne ata a unha das perlas da súa canteira: Carlos Álvarez, renovado

Pontevedra
11 de agosto 2021

O extremo campión de España xuvenil amplía un ano máis a súa relación co cadro branco co obxectivo de tentar devolver ao Cisne a Asobal, categoría na que xa debutou o curso pasado

Carlos Álvarez, nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Carlos Álvarez, nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

Foi unha das sensacións do tramo final da tempada do Cisne en Asobal e un dos artífices da xesta do equipo xuvenil para proclamarse campión de España. E o próximo ano será un dos referentes do plantel do conxunto branco porque Carlos Álvarez seguirá ligado ao cadro lerezano unha tempada máis.

O club anunciou este mércores a través dun vídeo difundido polas súas redes sociais a renovación dunha das perlas da súa canteira. "Estou moi contento de anunciarvos que a tempada que vén seguirei nas filas do Cisne. Preséntase un ano complicado pero moi ilusionante e apaixonado do que estou seguro que gozaremos toda a familia cisneísta xuntos", dixo o novo extremo desde a concentración coa selección española xuvenil.

Carlos Álvarez foi un dos mellores xogadores da escuadra xuvenil e a súa capacidade goleadora resultou decisiva para levar ao equipo á final, onde puideron superar ao FC Barcelona. O seu crecemento no primeiro equipo tamén foi destacable e acabou asentándose nas aliñacións de Jabato no tramo final da tempada. Agora asume o reto de pelexar xunto aos seus compañeiros por devolver ao Cisne á máxima categoría do balonmán nacional.