O Cisne renova a un dos seus pesos pesados, Álex Chan

Pontevedra
30 de xullo 2021

O central, que no seu debut en Asobal finalizou a tempada como noveno máximo goleador da liga, seguirá un ano máis defendendo a camiseta do club pontevedrés 

Álex Chan, no partido da Liga Asobal entre Cisne e Barcelona no Municipal Cristina Saiz

Importante renovación no Club Cisne Balonmán no seu obxectivo de pelexar polos postos de honra da División de Honra Prata.

O club pontevedrés asegurouse a continuidade dun dos seus xogadores franquía, o local Álex Chan.

O central foi un dos xogadores máis destacados do Cisne no seu debut en Asobal, finalizando a tempada como noveno máximo goleador da liga e estreándose como internacional coa Selección de Estados Unidos grazas á súa dobre nacionalidade, aínda que a covid impediulle finalmente gozar do Mundial.

Agora Chan está chamado a liderar un plantel que vai tomando forma tras as renovacións de Andrés Sánchez, Pablo González, Alejandro Conde, Iván Calvo, Mateo Arias, Dani López, Javi Vázquez, Álvaro Preciado e Jorge Villamarín e a fichaxe do portugués Daniel Neves.

"Este ano tan ilusionante que temos por diante tentaremos chegar a todo o máis alto sempre contando coa nosa filosofía e os nosos valores", sinalou o xogador pontevedrés tras confirmarse a súa renovación.