O Galaico pecha o Nacional de Inverno cun cuarto posto de Bea Gómez como mellor resultado

Pontevedra
19 de novembro 2018

Bea Gómez, María Vilas, Daniel Sánchez e Marc Ciurana defenderon as cores do club pontevedrés no Campionato de España Absoluto de natación en Piscina Curta celebrado durante os últimos días en Barcelona

Deportistas do Galaico no Campionato de España Absoluto de Inverno en Barcelona Club Natación Galaico

Bo sabor de boca deixou a participación do Club Natación Galaico no Campionato de España Absoluto en Piscina Curta celebrado durante os últimos días en Barcelona.

Ata alí desprazáronse catro deportistas do club pontevedrés: Bea Gómez Cortés, María Vilas, Daniel Sánchez e Marc Ciurana.

O mellor resultado foi o logrado por Bea Gómez na proba dos 200 estilos, nos que rozou o metal ao terminar en cuarta posición cun tempo na final de 2:14.36, preto do bronce que levou Paula Juste (CN Lleida) cunha marca de 2:13.92. A gañadora nesta distancia foi Catalina Corró (CN Sabadell, 2:09.46).

Ademais, na súa estrea co Galaico nunha competición nacional, María Vilas conseguiu un terceiro posto na final  B dos 400 estilos (4:51.98).

Pola súa banda Daniel Sánchez meteuse tamén en dúas finais B, as de 50 e 100 metros costas. Na distancia longa asinou un terceiro posto (55.26) e logrou  rebaixar a súa mellor marca persoal, mentres que nos 50 metros foi cuarto (24.89).