O Medio Maratón de Pontevedra celebrarase o 15 de outubro e abre xa o prazo de inscrición

Pontevedra
02 de marzo 2023

As novidades deste ano pasan pola inclusión de carreiras de menores ou a opción para os sénior de participar tanto no medio maratón como na carreira de 10 quilómetros

XXVII edición do Medio Maratón de Pontevedra Cristina Saiz

Unha das probas máis esperadas do ano no atletismo pontevedrés xa ten data. O medio maratón de Pontevedra celebrarase o 15 de outubro e o prazo de inscrición atópase xa aberto.

Unha das novidades para a carreira que cada ano organiza a Sociedade Ximnástica pasa pola inclusión dunha competición para os máis pequenos da familia ou a opción, para os corredores sénior, de participar ao mesmo tempo no medio maratón e na carreira dos 10 quilómetros. 

Nesta ocasión, o prazo de inscrición ábrese con maior antelación e inclúe tres prazos con distintas cotas. 

Entre o 1 de marzo e o 31 de maio o prezo do medio maratón será de 15 euros e a dos 10 quilómetros, de 8 euros. A partir de xuño e ata o 30 de setembro a inscrición ascende ata os 20 euros para o medio maratón, mentres que a proba curta mantén o prezo. Finalmente, do 1 ao 8 de outubro, os prezos pasan a 30 e 15 euros, respectivamente.

No caso das carreiras de menores, o prezo é único e mantense inmóbil desde o 1 de marzo ao 12 de outubro polo valor simbólico de 1 euro. 

Todas as inscricións deben tramitarse na páxina web oficial do Medio Maratón de Pontevedra.

As prazas son limitadas, polo que os interesados en participar non deben deixar pasar a ocasión de anotarse canto antes. Na carreira de menores, a participación estará limitada a 300 corredores, mentres que a de 10 quilómetros está deseñada para 600 e o medio maratón, para 1.400. 

Outra opción de conseguir unha inscrición nesta proba é a través da compra por valor mínimo de 125 euros na tenda Miler Vintage Running Club antes do 30 de setembro.

O evento celebrarase o 15 de outubro co inicio da proba de menores ás 10.20 horas, a de 10 quilómetros, ás 10.40 horas; o mini gran fondo, ás 10.35 horas; e o medio maratón, ás 11.00 horas.