O Medio Maratón de Pontevedra supérase na súa XXI edición

Pontevedra
16 de outubro 2016

Pedro Nimo e Paula Mayobre proclamáronse en Pontevedra campións galegos da distancia nunha carreira que encheu de atletas as rúas de Pontevedra con preto de 2.000 participantes

XXI Medio Maratón de Pontevedra

Ameazaba o ceo con augar unha das probas deportivas do ano na cidade, o Medio Maratón de Pontevedra, pero a climatoloxía non foi demasiado cruel e permitiu unha auténtica exhibición do deporte popular.

Preto de 2.000 atletas tomaron parte da XXI edición da proba, última cita do Circuíto de Carreiras Populares e este ano ademais Campionato Galego da distancia.

Pedro Nimo foi o máis rápido en completar os 21.097 metros de percorrido, en dúas voltas a un circuíto que partía da ponte dos Tirantes e finalizaba no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. O atleta compostelán chegou a meta cun tempo de 1 hora, 8 minutos e 31 segundos, con cómoda vantaxe sobre os seus perseguidores. Segundo en categoría masculina foi Iván Docampo (1:11:17) e terceiro Esteban Iglesia (1:11:30).

Na categoría feminina Paula Mayobre foi a vencedora cun tempo de 1 hora, 18 minutos e 1 segundo, escoltada no podio por Yolanda Gutiérrez (1:21:08) e Rocío Alvite (1:22:44). Consulta aquí a clasificación completa do Campionato Galego de Medio Maratón.

Pola súa banda a maioría de atletas tomaron parte na proba popular, cuxa clasificación completa tamén pode consultarse aquí.