Toni Otero xa non forma parte do Pontevedra. A través dun breve comunicado, o club granate informou da destitución do xa exentrenador tras a dura derrota do pasado domingo fronte ao Ceuta.
"O Pontevedra Club de Fútbol informa que Toni Otero deixa de exercer desde hoxe as súas funcións na entidade. Agradecemos o seu traballo e desexámoslle a mellor das sortes nos seus proxectos futuros", recolle o texto pubicado na súa web oficial e redes sociais.
Toni Otero vivía a súa segunda tempada en Pasarón. Foi nomeado hai dous veráns director deportivo da entidade e confeccionou o plantel que subiu a Primeira Federación. Con todo, este ano o equipo non rendeu como se esperaba e súa foi a decisión de prescindir de Antonio Fernández para ocupar o seu posto no banco.
Como adestrador, dirixiu ao primeiro equipo en seis partidos nos que só foi capaz de sumar unha vitoria e un empate. Sumido nunha profunda crise de lesións, Toni Otero foi incapaz de facer mellorar a un equipo que este domingo fronte ao Ceuta tocou fondo.
Afundido no fondo da táboa, o club debe decidir agora quen ocupa o posto de Toni Otero ata final de tempada, algo que por agora aínda non decidiron.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.