O Real Racing reforza o seu plantel antes de visitar Pasarón

Pontevedra
17 de xaneiro 2017

O club santanderino, próximo rival do Pontevedra en liga, anunciou este martes ao seu terceiro fichaje invernal, o centrocampista vasco Jagoba Beobide, que a pasada tempada logrou o ascenso a Primeira División co Alavés

Jagoba Beobide (dereita) firmando o seu contrato co Real Racing Real Racing Club

Se terminar a primeira volta da competición entre os catro primeiros clasificados foi xa unha proeza para o Pontevedra Club de Fútbol, os granates saben que terán que pelexar máis se cabe por manterse en postos de privilexio ata o final de tempada.

Mentres no club pontevedrés víronse afectados por lesións de homes importantes como a do pichichi Mario Barco, os seus rivais están a reforzar estas semanas os seus planteis con futbolistas de nivel contrastado, imposibles para o nivel económico actual na entidade de Pasarón.

De feito a baixa de Barco, máis longa do previsto inicialmente, fixo cambiar a opinión dos dirixentes ante o mercado invernal, polo que rastrexan as opcións para incorporar a un dianteiro que compita con Mateu Ferrer pero que á súa vez non descompense o orzamento da tempada.

Non parecen ter tantos reparos á hora de fichar os rivais directos do Pontevedra. Se hai poucos días a Ponferradina confirmaba o regreso de Yuri de Souza, o próximo rival dos granates, o Real Racing Club de Santander, non quedou atrás anunciando o seu terceiro reforzo invernal.

O último en chegar ao equipo cántabro, e que podería debutar o vindeiro domingo (17:00 horas) en Pasarón, é o centrocampista vasco Jagoba Beobide, futbolista que estaba sen equipo tras rescindir a principio de tempada co Alavés, con quen ascendeu o pasado verán a Primeira División.

Beobide únese así ao defensor Israel Puerto, que chegou en novembro desde o Lugo ao contar con fichas libres o club, e ao interior destro Santi Jara, xogador precedente da liga de Xeorxia pero con ampla experiencia na Segunda División española nas filas de Sporting e Albacete.

Máis madeira para un duro rival, actual segundo clasificado e candidato ao ascenso, no que será o primeiro gran exame do ano para un Pontevedra que quere manter imbatido o seu fortín de Pasarón.