O Tenis de Mesa Monte Porreiro rompe teitos

Pontevedra
13 de abril 2021

Os diferentes equipos da entidade seguen acumulando vitorias e ascensos nas diferentes divisións rexionais e nacionais do tenis de mesa á espera de poder contar cunha instalación específica na cidade para facer que este deporte siga crecendo na cidade e facelo accesible a todos os estamentos da sociedade

Instalacións para a práctica do tenis de mesa no pavillón de Príncipe Felipe Tenis de Mesa Monte Porreiro

O Tenis de Mesa Monte Porreiro non deixa de colleitar éxitos. Á boa marcha dos dous principais equipos masculino e feminino a nivel nacional únense agora os ascensos de equipos secundarios como o conseguido polo Monte Porreiro Capri, terceiro conxunto da entidade, á Segunda Nacional Masculina despois de proclamarse campións na Terceira Nacional Mixta.

Na carreira polo ascenso atópase tamén o segundo equipo feminino, o Capri Pontevedra, que acabou en primeira posición o seu grupo na Primeira Nacional feminina, o que lle abre as portas para a segunda fase polo ascenso. 

Ademais, o equipo de novas promesas do Visit Pontevedra logrou o título a pasada fin de semana da primeira división galega mixta obtendo praza na terceira nacional para o seguinte curso.

Estes grandes resultados que se seguen mellorando cada ano emprégaos o club como argumento para reivindicar unhas mellores instalacións de adestramento. Actualmente traballan no pavillón de Príncipe Felipe, cedido pola Deputación, pero na entidade esperan ansiosos a creación dunha instalación deportiva propia para a práctica do tenis de mesa na cidade. Un compromiso adquirido co Concello e polo que desde o club agradecen a todos os grupos políticos que integran a corporación municipal. 

"Moitos son os proxectos que temos en mente para que o noso deporte poida acoller a todos os sectores da nosa sociedade plural sen deixar a ninguén atrás", rematan a súa publicación en redes sociais para festexar os grandes resultados conseguidos polos seus xogadores.