O virus Fifa cébase co Poio Pescamar antes de recibir ao Atlético

Poio
04 de outubro 2019

As vermellas reciben o sábado ás 18.30 horas na Seca ao actual campión de liga coa ausencia de Silvia Aguete e as dúbidas de Ana Rivera, Carol Agulla e Iria Saeta

Partido entre Poio Pescamar y Alcorcón na Seca Diego Torrado

O Poio Pescamar non deixa de crecer, a presenza de xogadoras do primeiro equipo na selección nacional é exemplo diso, pero esta vez as consecuencias non puideron ser peores para os intereses da escuadra conserveira. As dúas xogadoras que viaxaron a Huelva para enfrontarse a Portugal regresaron lesionadas a casa. Silvia Aguete, cunha escordadura, tivo que abandonar a concentración antes de tempo e Ana Rivera volveu con problemas no sóleo.

As vermellas reciben este sábado (18.30 horas) ás principais candidatas a facerse co título de liga, o Atlético Navalcarnero. "Será un partido duro, non perden desde hai dúas tempadas, pero xogamos en casa e co apoio do noso público tentaremos dar a sorpresa", sostén o adestrador do Poio Pescamar, Raúl Jiménez.

No vestiario da Seca esperaban chegar a estas alturas de liga con algún punto máis na clasificación. O equipo contaba con regresar cos tres puntos de Esplugues, pero o conxunto local fíxose forte en defensa e obrigou ás visitantes para empregarse a fondo para rescatar un empate. As de Jiménez aprenderon a lección e esperan aplicar a mesma receita nesta xornada. "Temos que estar agresivas e moi atentas en defensa para saír rápido ao contragolpe", remarca o técnico.

Chegar aos minutos finais coa contenda igualada pode ser unha oportunidade única para derrotar ao Atlético. "Temos que meterlle moito ritmo ao partido, teñen xogadoras de moita calidade pero veteranas, se chegan cansadas ao final do partido teremos opcións de gañar", expón o preparador, que non saberá ata ultima hora se poderá contar con Carol Agulla nin Iria Saeta, xa recuperada da súa lesión pero sen ritmo de competición.