O Waterpolo Pontevedra debutará en Liga Nacional contra un 'coco': o Simalga Real Canoe NC

Pontevedra
06 de setembro 2022

As pontevedresas comezarán a liga como visitantes o 22 de outubro e xogarán o seu primeiro partido como local o día 29 fronte ao Alcorcón, aínda que aínda non saben en que piscina poderán competir

Equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra
Equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra / Cristina Saiz

O equipo feminino do Club Waterpolo Pontevedra, que esta tempada debutará en Primeira División Nacional, xa coñece o seu calendario. A Real Federación Española de Natación fixo público un calendario provisional no que o equipo pontevedrés queda encadrado no grupo A, nunha primeira fase de competición na que disputará 14 xornadas.

Os 8 equipos que forman cada grupo xogarán esta fase para meterse no grupo que loitará polo título e ascenso a División de Honra (os 4 primeiros de cada grupo) ou no grupo para eludir o descenso (os 4 últimos de cada grupo).

A liga Nacional de Primeira División Feminina comezará o 22 de outubro, e o sorteo deparou ao Club Waterpolo Pontevedra uno dos rivais máis difíciles para o seu debut, o Simalga Real Canoe NC, equipo que a tempada pasada só perdeu un partido. Así, as pontevedresas debutarán en Madrid o 22 de outubro na piscina de Pez Volador.

O ansiado debut en casa para o equipo do Club Waterpolo Pontevedra, que por primeira vez xogará liga Nacional, será o 29 de outubro recibindo ao CN Ciudad de Alcorcón. Club que foi o afitrión na primeira fase de ascenso que xogou o CW Pontevedra, en 2018.

O CW Pontevedra xa leva meses preparándose para esta aventura en Primeira División Nacional, para poder facer un bo papel, tanto deportivamente como organizativamente, aínda que seguen coa incerteza de onde xogará os seus partidos como local.