Oficial: España-Croacia de balonmán o 27 de xuño no Municipal de Pontevedra

Pontevedra
08 de xuño 2021

A Selección Española de Balonmán xogará ademais un amigable fronte a Portugal o 10 de xullo en Vigo e outro partido ante Exipto en Ourense (29 de xuño). Os Hispanos afrontarán unha dobre concentración con base en Sanxenxo e adestramentos en Pontevedra para preparar os Xogos Olímpicos

Presentación na Deputación da dobre concentración dos Hispanos na provincia para preparar os Xogos Deputación de Pontevedra

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra volverá gozar da Selección Española Absoluta de balonmán, despois de acoller en 2018 o Trofeo Internacional de España Memorial Domingo Bárcenas.

Farao nunha dobre concentración de preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo e xogando ademais un encontro de primeiro nivel.

Ese partido, tal e como avanzou PontevedraViva, enfrontaralle a Croacia o próximo 27 de xuño nun choque correspondente á xornada 3 da EHF Eurocup 2022.

Deputación de Pontevedra, Real Federación Española de Balonmán e Federación Galega de Balonmán fixérono oficial este martes, e non quedaron aí, xa que os Hispanos afrontarán na provincia non só a concentración prevista inicialmente entre o 22 e o 30 de xuño, senón unha segunda xusto antes de partir cara a Xapón entre o 4 e o 10 de xullo.

En ambos os dous casos a Selección concentrarase en modo burbulla en Sanxenxo, desprazándose ao Municipal de Pontevedra a realizar os seus adestramentos. Ademais xogará un partido amigable ante Exipto en Ourense (29 de xuño), outro encontro fronte a Portugal o 10 de xullo no pavillón vigués das Travesas e tamén contra o combinado luso en Caminha (7 de xullo).

"Nos próximos días teremos noticias no tema de aforos e entradas", confirmou na presentación o presidente da Federación Galega, Bruno López.

"Creo que é unha extraordinaria noticia para a provincia", sinalou á súa vez a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agradecendo que se cumpra o compromiso alcanzado tras a celebración en Vigo e Pontevedra do Mundial Júnior.

Pola súa banda o dirixente da Federación Española, Francisco Blázquez, recoñeceu que se decantaron por realizar integramente a preparación dos Xogos nas Rías Baixas porque  "es el clima más parecido a Tokyo que tenemos en nuestro país", e é a forma de "llegar a los Juegos Olímpicos de la mejor manera posible". De feito das concentracións na provincia sairá a lista definitiva de Jordi Ribeira para a cita olímpica, á que partirán só un par de días despois e na que España aspirará ao máximo.

Ademais, tal e como lembrou Bruno López, "a preparación en 2018 co Memorial Domingo Bárcenas conlevou un ouro no Europeo, así que esperemos que se repita".