Okutu, subcampión de España pero sen mínima para o Mundial

Pontevedra
03 de agosto 2015

O atleta marinense foi prata en salto de lonxitude cun mellor rexistro de 7.78 metros no seu último intento, lonxe dos 8.10 necesarios para clasificarse para o Mundial de Beijing. Cinco atletas da Gimnástica conseguiron posto de finalista

Jean Marie Okutu no Campionato Galego de Atletismo no CGTD de Pontevedra

Foi de menos a máis na final de salto de lonxitude, pero non o suficiente para volver proclamarse campión de España.

Jean Marie Okutu colgouse a medalla de prata no Campionato de España que se celebrou durante a fin de semana en Castelló, superado por Eusebio Cáceres (7.90 metros) que se levou o ouro.

O atleta marinense logrou no seu sexto intento a mellor marca do día con 7.78 metros, o que o levou á segunda praza, lonxe da marca mínima para o Mundial de Beijing (8.10 metros) que era o grande obxectivo de Okutu.

CINCO FINAIS PARA ATLETAS DA GIMNÁSTICA

Despois de sete anos sumando algunha medalla no Nacional Absoluto, a Sociedad Gimnástica volveuse de baleiro de Castelló, aínda que estivo preto de conseguir subir ao podio con dous dos seus atletas.

Ignacio Sarmiento nos 400 valos e Lysvanys Pérez en salto de altura foron cuartos nas súas respectivas probas, quedando o segundo fóra do podio por un salto nulo.

Ademais Víctor Gallego foi sétimo en disco, ao igual que Julián Ortix nos 110 valos, mentres o outro posto de finalista o logrou o relevo masculino de 4x400 metros, que tamén foi sétimo.