Os primeiros partidos de Teucro e Leis na casa convivirán coas obras do Pavillón Municipal

Pontevedra
28 de agosto 2018

As obras de accesibilidade que se están desenvolvendo na instalación deportiva e que se atopan "moi avanzadas" manterán pechado ao público un lateral do pavillón ata o mes de outubro, pero non impedirán a disputa de competicións oficiais cos primeiros partidos de liga da tempada

Visita ás obras de accesibilidade no Pavillón Municipal dos Deportes Paula Sanmartín

Os afeccionados de Sociedad Deportiva Teucro e Leis Pontevedra terán que convivir durante o inicio de liga coas obras de accesibilidade que se están desenvolvendo no Pavillón Municipal dos Deportes.

A pesar de que os traballos se atopan "moi avanzados", recoñeceu o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores este martes nunha visita ás instalacións acompañado de membros do goberno local, o prazo para terminar as obras prolóngase ata o mes de outubro.

Isto supoñerá que a bancada principal do pavillón, a situada xunto ás entradas ao recinto e onde se atopa entre outras cousas ao palco de autoridade, permanecerá pechada ao público.

"Afortunadamente este pavillón ten 4.000 asentos e o que se pecha é pouco máis dun terzo, ogallá tiveramos problemas de aforo pero a realidade non é así", explicou Fernández Lores reiterando que se trata de "unha obra necesaria e que vai garantir a accesibilidade total".

Os partidos oficiais afectados serán nun principio o Teucro-Sinfín (8 de setembro) e Teucro-Logroño (22 de setembro) da Liga Asobal e o Leis-Universidad de Valladolid (15 de setembro) da Segunda División B de fútbol sala, ademais do Leis-Ourense FS da Primeira Autonómica feminina.

O pavillón, ideado polo arquitecto Alejandro da Sota e que chegou a recibir un premio nacional de arquitectura, contaba con certas deficiencias debido á súa antigüidade que agora serán corrixidas. Así se traballa na instalación dun ascensor, a ampliación das escaleiras cara á zona de oficinas, a reforma da zona de despachos de billetes e a adaptación das ramplas de entrada, que pasan do 8% de pendente ao 6% que establece a lexislación.

Ademais habilitaranse baños para persoas con discapacidade en cada unha das plantas e tamén outro adaptado para persoas ostomizadas e rotularase correctamente o nome no exterior do Pavillón.

Esta actuación conta cun orzamento de 196.104,03 euros e está a ser executada pola empresa Ediserpo SL.