O Pontevedra afronta o derbi ante a Celta Fortuna sen apenas descanso tras a Copa

Pontevedra
05 de decembro 2025
Actualizado: 14:25

O conxunto granate xogará este sábado (16:15 horas) en Balaídos con escasa marxe de recuperación, pero co reforzo de Miki e Brais, xa dispoñibles. Marqueta é dúbida e Garay, baixa confirmada

Partido entre Pontevedra CF e Zamora en Pasarón Cristina Saiz

Non pasaron nin 72 horas desde a eliminación na Copa do Rei fronte ao Eibar e o Pontevedra xa volve á competición ligueira. Este sábado, ás 16:15 horas, o conxunto granate visitará en Balaídos ao Celta Fortuna nun duelo exixente e sen apenas marxe de recuperación.

O técnico Rubén Domínguez recoñeceu na previa que a proximidade dos encontros condiciona as rotacións, aínda que chega coa boa noticia de recuperar a varios xogadores importantes.

"Garay está descartado. A única dúbida pode ser Marqueta, pero o demais, como estabamos, porque imos recuperar a Miki e a Brais. Xa o tema é que aquí hai que xogar cos tempos tamén de recuperación porque xogamos o mércores até moi tarde e tócanos xogar xa o sábado ás 4 da tarde, entón o importante é que o equipo se recupere o mellor posible e como o día de Zamora, que tamén tivemos unha recuperación moi curta", comentou o adestrador.

Domínguez explicou ademais que Garay sofre unha pequena rotura muscular e que o seu regreso dependerá da súa evolución. Pode chegar moi xusto a Arenas, quizais a Barakaldo, e despois de Nadal "si que estaría seguro", engadiu.

O preparador granate quixo tamén agradecer o traballo do xogadores do filial, tras o bo debut de Oute no partido copeiro.

"Durante a pretemporada e o ano axudáronnos moitísimo. O de Oute non foi un premio, senón o que traballou durante todo este tempo que estivo connosco. Tivo a súa oportunidade, pódea ter calquera outro xogador que estea a adestrar connosco porque ao final cando adestran connosco dános esa garantía de saber o rendemento que che pode dar. Oute, na nosa opinión, fixo un bo partido, de feito tivo desenvoltura, foi crecendo durante o partido e tirou dúas veces de fóra de área que provocou dúas ocasións de gol. Ten que seguir traballando e aproveitando as oportunidades que teña", subliñou.

Preguntado polo momento do equipo, Domínguez recoñeceu que non atravesan a súa mellor fase, pero pediu manter a calma e confiar no plantel.

Contra o Eibar "non foi o noso mellor día", sinalou o técnico, pero "temos que aprender. Ao final os equipos e os proxectos fórxanse nos momentos de dificultade, os bos equipos non se forxan cando ganas, aí xeras confianza e recolles normalmente as cousas das que vas aprendendo durante o proceso".

Tamén engadiu que o equipo ten que saber onde está, que ten unha boa puntuación e que ten que seguir crecendo e aprendendo dos erros. Terán os seus momentos contra o Celta B porque "somos un equipo que de cando en cando perde a cara nos partidos. Imos coa maior das ilusións, con garantías de que imos facer un bo partido, imos competir e imos tentar traernos os tres puntos. Se gañamos o sábado, a xornada dórmela sexto si ou si, entón hai que saber onde estamos, estar tranquilos, confiar neste grupo de xogadores, porque é un grupo no que se pode confiar e imos ir a Vigo a competir como sempre".

Sobre o rival, o técnico destacou a calidade e o estado de forma da Celta Fortuna, actual segundo clasificado do grupo, e a motivación que pode ter calquera xogador á hora de xogar nun estadio como Balaídos.

"É un filial que ten moitísimo talento, que ten unha maneira de xogar e un sistema moi parecido ao que fan no primeiro equipo. Sabemos o escenario e ao que nos enfrontamos, pero nesta liga ao final eles tamén perden partidos, eles tamén sofren e nós imos ter seguro que as nosas oportunidades tamén de facerlle dano", admitiu Domínguez.

Por último, en relación a Dani Selma, foi tallante: "É un tema que xa se falou hai dúas semanas", concluíu.