O Pontevedra CF afrontou este sábado o seu terceiro test de pretemporada medíndose ao O Porto B en Melgaço, nun partido que serviu a Rubén Domínguez para seguir axustando pezas e probar diferentes combinacións de cara ao comezo ligueiro.
O técnico granate apostou por dous bloques claramente diferenciados, aliñando na primeira metade un once do primeiro equipo, con Edu Sousa baixo paus; Hervías, Miki Bosch, Garay e Expósito en defensa; Conesa e Yelko no centro do campo; Miguel Cuesta e Álex González nas bandas; e Brais e Alain na punta de ataque.
Saíron moi intensos e dispostos a dominar desde o arranque do choque, sendo durante o primeiros vinte minutos "moi superiores", tal e como recoñeceu o adestrador. Domínguez tamén valorou que nos seguintes vinte minutos o equipo estivo "estable", pero desinflouse ao termo da primeira metade.
Froito dese bo inicio, o Pontevedra adiantouse cun gol de Brais Abelenda no minuto 4.
A segunda parte foi totalmente diferente, marcada polas rotacións e a maior frescura dos xogadores lusos. "O equipo competiu moi ben, pero os cambios deles déronlles enerxía e fixeron que nos remontasen o partido", afirmou Domínguez, satisfeito a pesar do resultado.
De feito é que a un cuarto de hora para o final, a expulsión dun xogador do O Porto B pareceu achandar o camiño a un Pontevedra composto por xogadores do filial, pero no seu lugar os portugueses, apoiados nos cambios, crecéronse e voltearon o marcador.
O empate chegou tras un balón ás costas da defensa e, xa no tempo de desconto, os locais puxeron o 2-1 desde o punto de penalti.