O Pontevedra paga a resaca do ascenso cunha goleada ante a Gimnástica de Torrelavega

Pontevedra
27 de abril 2025

Saúl García fixo un dobrete na primeira metade, Yelko reduciu distancias na segunda, Dani Gómez puxo o 3-1 de penalti e Unai sentenciou nun minuto con outros dous goles (5-1)

Once do Pontevedra en Torrelavega Pontevedra CF

O Pontevedra Club de Fútbol, aínda inmerso nas celebracións polo ascenso, caeu goleado ante unha Gimnástica de Torrelavega que se despediu da súa afección cunha contundente vitoria (5-1).

O conxunto cántabro aproveitou a falta de intensidade dos granates, que acusaron a resaca da festa e perderon da peor maneira posible.

A semana de celebración por parte do equipo granate quedou plasmada no verde cun xogo lento e impreciso que lle permitía á Gimnástica xerar sensación de perigo ao recuperar o balón, sobre todo por medio de Saúl García, que dinamitou o enfrontamento en tan só dous minutos.

No 11, Chus Ruiz internouse até liña de fondo e regaloulla a Saúl ao segundo pau para que rematase a pracer. Só dous minutos despois, Dani Gómez picouna, Vizoso dubidou á hora de saír a polo esférico e o '10' anotou o 2-0.

Antes, Rares tivo que ser substituído por Brais Abelenda por un golpe no brazo.

Xeraba perigo o equipo local, que mesmo puido facer o terceiro no minuto 19, pero o disparo de Dani Gómez sacouno Igor baixo paus.

Cando se alcanzou a media hora de xogo pareceu reaccionar o Pontevedra, primeiro cunha falta de Garay, que tentou colocar o balón na escuadra, pero mandouno alto e pouco despois, a máis clara, cunha internada pola esquerda de Miguel Cuesta, que lla puxo a Charly ao bordo da área pero despexou o porteiro.

Na segunda metade a sangría continuou a pesar de que Yago Iglesias realizou catro cambios cando apenas se cumpriron cinco minutos e de que Yelko, que entrara en lugar de Álex, reduciu distancias no primeiro balón que tocou. Apareceu no punto de penalti, acomodouna e coa dereita fixo o 2-1.

Non se xogaba nada ningún equipo, pero a Gimnástica quería despedirse da súa xente pola porta grande, aínda que xa estaba descendido, e non cesou no seu intento de golear ao líder Pontevedra.

De penalti no 63, Dani Gómez fixo o 3-1 enganando a Manu Vizoso e, no 79, Rasines cedeu desde a dereita a Unai, que apareceu no segundo pau para só ter que empuxala. Os granates sacaron de centro, a Gimnástica apertou, roubou e Tobar xutou. O balón quedou na liña e Unai anotou o 5-1 definitivo.

Gimnástica DE TORRELAVEGA (5): Iván Crespo, Rasines, Goñi, Gándara, Alberto (Tobar, min. 60), Saúl, Diego Campo, Dani Gómez, Curmán (Uri, min. 60), Chus Ruiz (Puras, min. 78) e Canles.

PONTEVEDRA CF (1): Manu Vizoso, Igor, Mario, Álex (Yelko, min. 50), Iago Novo, Rufo (Dalisson, min. 50), Miguel Cuesta (Samu Mayo, min 50), Xabi (Fontán, min. 50) Garay, Charly e Rares (Brais Abelenda, min. 9)

Goles: 1-0, Saúl García, min. 11. 2-0, Saúl García, min. 13. 2-1, Yelko, min. 54. 3-1, Dani Gómez, min. 63. 4-1, Unai, min. 79. 5-1, Unai, min. 81.

Árbitro: Elisabeth Calvo Valentín, auxiliada nas bandas por Fernando Ventura Verderico e Luís Alonso Campos (Madrid). Amoestaron a Alberto Gómez (42'), Tobar (61') na Ximnástica, e a Miguel Cuesta (7'), Álex González (42'), Manu Vizoso (63') no Pontevedra.

Incidencias: Partido da xornada 33 de liga no Malecón.