O plantel do Pontevedra Club de Fútbol apura as últimas horas de merecido descanso tras as intensas celebracións polo ascenso a Primeira RFEF.
Os xogadores non volverán aos adestramentos até o xoves 24, pero xa empezan a pensar nas dúas semanas de competición que restan antes de que conclúa definitivamente a liga e poidan comezar as súas vacacións.
Neste período aparece no horizonte un pequeno reto para os granates, menor sen dúbida, pero nada despreciable.
Os de Yago Iglesias aseguraron o primeiro posto a falta de dúas xornadas grazas aos 69 puntos que atesouran, e poderían chegar aos 75 puntos se vencen o vindeiro domingo 27 de abril no feudo da Gimnástica de Torrelavega e repiten contra o Ávila en Pasarón o día 4 de maio.
Ambos os dous partidos por certo celebraranse en horario unificado ás 12.00 horas, segundo o establecido pola Real Federación Española de Fútbol.
Pero volvendo ao tema, eses teóricos 75 puntos serían a segunda maior puntuación histórica do club, e é que só na tempada 2014-2015, a que supuxo o ascenso a Segunda B tras catro campañas no inferno de Terceira, superouse esa cifra total con 79 puntos. Claro que naquela liga participaban 20 equipos e non 18 como na Segunda RFEF, polo que se conseguiu con catro encontros máis.
Por comparalo con outras tempadas nas que os granates finalizaron como campións, no curso 2006-2007 finalizaron primeiros de grupo en Segunda B con 73 puntos e na 2003-2004, na que acabarían ascendendo a Segunda División, fixérono con 72 puntos.
Ademais eses 75 puntos marcarían un novo tope de puntuación no Grupo I de Segunda RFEF, no cuarto ano de existencia da categoría.
Desde a reestruturación do fútbol nacional nese Grupo I acabaron como campións o propio Pontevedra (65 puntos na 21-22), o Arenteiro (73 puntos) e e Ourense CF (73).
Iso si, a marca absoluta da Segunda RFEF quedará un pouco lonxe, xa que a comparten o Córdoba (tempada 21-22) e o Bilbao Athletic (23-24) con 82 puntos.