Promoción nas entradas para os dous próximos partidos do Pontevedra na casa

Pontevedra
06 de febreiro 2024

O club granate lanzou unha promoción destinada aos seus abonados para os dous encontros que restan por xogar en Pasarón durante o mes de xaneiro, fronte a Coruxo e Zamora

Partido de liga entre Pontevedra e CD Cayón en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra e CD Cayón en Pasarón / Cristina Saiz

O mes de febreiro pode ser clave no futuro do Pontevedra Club de Fútbol e o seu obxectivo de pelexar polo primeiro posto de grupo e por tanto polo ascenso directo a Primeira RFEF. Por ese motivo desde o club granate habilitaron unha promoción para os dous encontros que xogará de maneira consecutiva en Pasarón, os días 18 e 25 de febreiro.

Tras o desprazamento a Guijuelo da próxima fin de semana, os granates recibirán na casa o Coruxo (domingo 18, 17.00 horas) e un dos rivais directos polo primeiro posto, o Zamora (domingo 25, 17.00 horas).

Para estes dous choques a entidade de Pasarón permitirá aos seus abonados retirar ata dúas entradas para a súa mesma bancada a metade de prezo, podendo facelo a través da web do Pontevedra ou nas oficinas do estadio en venda anticipada.

En canto aos prezos para público xeral, mantéñense sen cambios con respecto a datas recentes, con billetes a 20 euros en Tribuna, 15 euros en Preferencia e 10 euros nos fondos (15, 10 e 8 euros respectivamente para afeccionados en idade xuvenil).