Rafa Sáez deixa o seu cargo como adestrador do Arosa e pasa aos despachos

O Salnés
28 de xuño 2021

O técnico pontevedrés exercerá a partir de agora como director deportivo do club arlequinado, que afronta unha ilusionante campaña na Segunda RFEF tras o seu pelexado ascenso de categoría

Rolda de prensa do Arosa para informar do novo cargo de Rafa Sáez no club Arosa SC

O novo proxecto deportivo do Arosa na Segunda RFEF non terá como adestrador a Rafa Sáez.

O pontevedrés, acompañado do presidente do club Manolo Abalo e do director xeral Rodrigo Lojo, fixo pública este luns a decisión de abandonar o banco arlequinado despois de tres tempadas.

Non será en todo caso unha despedida, e é que o pontevedrés farase cargo a partir de agora da dirección deportiva do Arosa. Nesta nova etapa o seu obxectivo será armar un equipo competitivo para asentarse na nova división e consolidar así a estrutura do club en categoría nacional.

Desta forma Rafa Sáez abre unha nova etapa nun dos clubs da súa vida, no que foi xogador e tamén adestrador.

O técnico completou nesta última etapa tres tempadas en banco da Lomba, levando ao equipo para xogar despois de moitos anos unha fase de ascenso e completando esta última campaña a xesta co buscado e esperado ascenso á Segunda RFEF.

O Arosa espera agora poder anunciar o nome do seu novo adestrador nos próximos días.