Rares e a súa reconversión en centrocampista defensivo: "Cada vez estou a pillar máis conceptos"

Pontevedra
12 de febreiro 2025

O futbolista granate, afeito actuar máis adiantado, recoñeceu este mércores en rolda de prensa que aínda que "antes non o vía así" está contento co seu novo rol no equipo

Rares, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira Pontevedra CF SAD

"Creo que Rares ten futuro a máis nivel como seis", afirmaba na previa do partido contra o Langreo o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias.

O técnico de feito apostaba para a cita cunha nova titularidade do xoven xogador, a segunda consecutiva en casa tras actuar tamén de saída contra o Compostela.

Entón o motivo era a baixa por sanción de Samu Mayo, pero na última xornada a decisión era xa puramente técnica, e Rares Mezdrea cumpriu no seu novo labor como centrocampista con maior vocación defensiva e de contención.

"Estoume a adaptar á posición de seis, cada vez pillando máis conceptos do míster", explicou este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

"Onde máis vou aprender creo que vai ser collendo minutos no campo", asegurou.

Rares recoñece que, afeito actuar máis adiantado, "igual eu antes non o vía así, pero cada vez que saio e fágoo ben e vexo que podo chegar, teño chegada, teño percorrido, pegada... Creo que é unha boa posición", afirmou dándolle a razón o seu adestrador.

Por iso asegura estar "moi contento" pola oportunidade de contribuír á marcha do equipo con máis minutos sobre o céspede.

"Todos os xogadores estamos a achegar e iso é grazas a que nos adestramentos apertámonos uns a outros. Ao final a competitividade é máxima e creo que se está a demostrar", defendeu o 22 granate poñendo o foco na próxima xornada de liga, coa visita ao Marino de Luanco.

Un partido no que espera poder volver contribuír desde a súa nova posición no campo.