Rubén Domínguez e o play-off: "Gañar na Malata sería indicativo de que pode ocorrer de verdade"

Pontevedra
30 de abril 2026

O adestrador do Pontevedra prevé un "partido difícil" en Ferrol pero lle resta dramatismo porque "o peor que nos vai a pasar é que acabemos a xornada a un punto o play-off"

Rolda de prensa de Rubén Domínguez no Estadio Municipal de Pasarón

Ilusión é a palabra que define o estado de ánimo do Pontevedra antes de visitar este sábado 2 de maio (16.15 horas) o Racing de Ferrol na Malata.

"Queremos poñer ese colofón co play-off e está claro que gañar na Malata sería un indicativo de que isto pode ocorrer de verdade", asegurou este xoves o adestrador do equipo granate, Rubén Domínguez, desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

En todo caso o técnico quixo restar dramatismo á cita polo menos en clave pontevedresa, xa que "o peor que nos vai a pasar é que acabemos a xornada a un punto do play-off. Se empatamos imos estar dentro e se gañamos pois até se poden dar circunstancias de que poidamos meter case dous partidos aos rivais", afirmou o preparador.

"Nós temos claro que ao final eses 59, 58, 60 puntos que son os que van marcar o play-off, hai que facelos. Se perdemos contra o Racing de Ferrol na Malata e facemos os outros 9, imos facer 61", defende Domínguez.

Iso non quita que o seu equipo viaxe a Ferrol coa intención de volver co tres puntos, aínda que espera un partido "mesmo máis pechado" que o da primeira volta en Pasarón xa que "nós queremos pechar ese posto de play-off ou sumar puntos que nos acheguen a el e eles queren esgotar todas as vías posibles para poder entrar".

Ademais con respecto ao rival, un Racing de Ferrol deseñado para pelexar polo salto de categoría pero que non cumpriu polo momento coas expectativas, "as xeiras xa sabemos que veñen e van. Ao final o que importa é o nivel dos seus xogadores e o nivel dos seus é moi alto", asegura Rubén destacando que "temos que ir coa máxima humildade porque non temos que esquecer que enfronte imos ter a un equipo que nos dous últimos anos estivo no fútbol profesional".

Será en todo caso todo un derbi "bonito de xogar" polo ambiente que se espera nas bancadas, nas que estarán algo máis de 400 afeccionados granates, todos os posibles, e aos que "imos sentir seguro", afirma o adestrador do Pontevedra co obxectivo de "que acaben sentindo orgullosos de nós os que están alí e os que o van a ver pola tele".

O técnico avanzou en rolda de prensa que non poderá contar esta xornada con Álvaro Pérez e tampouco con Víctor Eimil, lesionado no adestramento do pasado martes.