Samra Omerbasic, reforzo para o Arxil desde a Liga Feminina

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

A pívot de orixe bosníaca, de 30 anos, chega a Pontevedra procedente do Casademont Zaragoza para ocupar a ficha libre deixada pola saída de Bineta Ndoye

Samra Omerbasic nun partido co Casademont Zaragoza Casademont Zaragoza

O Club Baloncesto Arxil xa ten ao reforzo que buscaba para fortalecer o seu xogo interior tras a saída de Bineta Ndoye.

Trátase da pívot de orixe bosníaca Samra Omerbasic, de 30 anos de idade e 1,91 metros de altura e que chega procedente dun equipo da Liga Feminina Endesa, o Casademont Zaragoza.

Internacional co seu país en todas as categorías, Omerbasic non gozou de moitas oportunidades na máxima categoría, participando en 12 dos 21 encontros do seu equipo con só 4 minutos e 33 segundos de media na cancha.

Con todo trátase dunha xogadora de ampla experiencia en ligas como a francesa, polaca, checa e tamén a española, debido a que na campaña 17/18 militou no CB Almería da Liga Feminina 2 cunhas medias de 10,4 puntos e 6,3 rebotes por encontro.

"É unha xogadora con experiencia en España, ten coñecemento do xogo e é complemento perfecto para o noso xogo interior. Esperamos que nos axude na anotación do equipo, rebotes e experiencia", sinala sobre a súa fichaxe o coordinador arxilista, Lino Vázquez.

Coa súa chegada o Arxil busca dar maior consistencia ao equipo co obxectivo de escalar postos na Liga Feminina 2 tras un inicio de tempada irregular. 

Tramitada a súa ficha sen maiores problemas, ao proceder dun equipo nacional, Samra Omerbasic está en condicións de debutar co Arxil este mesmo sábado na visita das pontevedresas á cancha do GDKO Ibaizábal.