O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este luns da firma dos convenios de patrocinio da institución provincial con dous dos principais clubs da comarca, a Sociedad Gimnástica de atletismo e o Poio Pescamar de fútbo sala.
En virtude deste acordo, cada un dos clubs recibirá 30.250 euros de axuda, nun convenio que está suxeito ao cumprimento de varios condicionantes e tamén ao control financeiro.
Trátase dunha liña de subvención destinada ás entidades que se atopan competindo na máxima categoría da súa disciplina deportiva.
"Grazas a esta axuda imos tentar seguir mantendo ao noso equipo de División de Honra Masculina e ao feminino de Primeira División, ademais de seguir traballando cos nenos e nenas e continuar coas nosas escolas", sinalou o presidente da Ximnástica, Ramón Touza. Pola súa banda o dirixente do Poio Pescamar, Juanjo García, recoñeceu estar "moi agradecidos" pola a colaboración, necesaria para que as xogadoras "teñan unhas condicións dignas e que o fútbol sala sexa o seu traballo".
Ademais dos dirixentes deportivos a presidenta da Deputación quixo resaltar que "é fundamental que todas as administracións públicas esteamos si ou si involucradas co noso deporte, que non é soamente unha cuestión de saúde física, senón que é ademais un elemento máis dos que nos axudan a crear unha sociedade mellor".
A Deputación asinará convenios con outros 10 clubs da provincia, entre os que se atopan o Pontevedra Club de Fútbol e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz.