A un paso da próxima Eurocopa está Teresa Abelleira tras a súa inclusión na prelista da Selección Española Absoluta para o torneo internacional que se disputará o próximo mes de xullo en Inglaterra (6 ao 31 de xullo).
A centrocampista pontevedresa do Real Madrid é unha das 28 futbolistas citadas polo seleccionador nacional, Jorge Vilda, a unha fase de preparación que se iniciará o próximo 12 de xuño.
De todas elas e antes do 26 de xuño, data tope da UEFA, o técnico deberá realizar cinco descartes para deixar a convocatoria final en 23 xogadoras, unha lista na que espera estar Abelleira tras participar nos últimos compromisos internacionais.
Un día antes, o 25 de xuño, España disputará un partido amigable en Huelva fronte á selección de Australia, encontro que pode ser a última oportunidade de convencer a Vilda.
"Las 28 tienen las mismas opciones de entrar. Es lo que consigan demostrar en estos quince días", avanzou o seleccionador afirmando que "será unha dura decisión".
Tras a criba a Selección Española ten previsto ademais outro encontro de preparación antes do inicio do Campionato de Europa. Será o día 30 de xuño fronte a Italia.