Carlos Torrado seguirá defendendo as cores do Arosa SC unha tempada máis, nesta ocasión adestrado por Gonzalo Fernández.
O lateral dereito de Vilanova de Arousa, que regresou ao club o pasado verán tras un periplo por outros equipos, confirmou a súa continuidade no conxunto arlequinado para o que será o seu oitavo ano no estadio da Lomba.
"O Arosa é a miña casa e onde me sinto valorado", afirmou o defensa de 26 anos, quen destacou que a confianza depositada nel polo club "desde o primeiro momento" foi clave para tomar esta decisión.
"Seguir aquí supón para min un orgullo por ser onde me sinto feliz, algo que é moi difícil de atopar", engadiu.
Tras unha tempada de readaptación, Torrado amósase ilusionado de cara ao novo curso: "Esta tempada foi unha aprendizaxe que me motiva para seguir traballando, para mellorar e acadar novos obxectivos".
O lateral vilanovés, formado na canteira do Arosa, chegou a disputar 10 partidos en Terceira División sendo aínda xuvenil de segundo ano, baixo a dirección de Jorge Otero.
Posteriormente, desenvolveu a súa carreira noutros clubs como o Coruxo, CD Lugo e o Rácing Club Villalbés, antes de regresar en xullo de 2024 ao equipo que o viu medrar.