Tratamento de urxencia para mellorar o estado do céspede de Pasarón durante o Nadal

Pontevedra
20 de decembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou este mércores un tratamento para tentar mellorar o estado do terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón, que a pesar de ter sido cambiado por completo no verán viuse gravemente danado polas choivas e o seu uso dos últimos meses

Tarefas de mantemento no céspede do Estadio Municipal de Pasarón Pontevedra Club de Fútbol SAD

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou este mércores un tratamento para tentar mellorar o estado do terreo de xogo do Estadio Municipal de Pasarón, que a pesar de ser cambiado por completo no verán viuse gravemente danado polas choivas e o seu uso dos últimos meses.

Aproveitando o parón de Nadal entende o club granate que é o momento adecuado para actuar, ao cambiar a tendencia meteorolóxica e sobre todo porque non volverá ter un partido en casa ata o 21 de xaneiro, cando o Real Valladolid Promesas visita a cidade de Lérez debido a que as dúas primeiras xornadas do ano serán a domicilio.

Segundo explicou a entidade pontevedresa, están a levarse a cabo tarefas de picado e recebado con area, ademais de resementado e subministración de nutrientes para combater o rápido empeoramento do céspede durante os chuviosos meses de outubro e novembro xunto a unha primeira semana de decembro na que se xogaron dous encontros en Pasarón en apenas 48 horas, co España-Italia da liga de Nacións e o Pontevedra-Compostela.

Asegura o Pontevedra que a súa intención é "poñer todos os medios posibles para alcanzar a posta a punto do céspede".