Tres etapas para volver conectar co pelotón da permanencia

Pontevedra
20 de febreiro 2023

O Pontevedra enfrontarase nas tres próximas semanas ao Ceuta, Fuenlabrada e Alxeciras, tres rivais directos na procura da salvación

Partido de Primeira Federación entre o Pontevedra e o Fuenlabrada en Pasarón Cristina Saiz

Tourmalet, Aubisque, Peyresourde e Portet. Os amantes da bicicleta recoñecerán o nome de catro dos portos de montaña máis duros dos Pireneos. Pois se o fútbol fose ciclismo, o Pontevedra acaba de superar a etapa reina da competición. Non lucirán os granates a camisola de lunares, pero sufriron un desfalecemento como para dicir adeus á carreira.

Real Madrid Castilla, Celta B, Cultural Leonesa ou Racing de Ferrol. Catro puntos de doce posibles fronte a estes colosos que aspiran a disputar a fase de ascenso. Aínda están por vir os esixentes picos dos Alpes pero a grupeta granate debe afrontar agora unha serie de etapas chairas coas que recuperar forzas e volver conectar co pelotón.

A primeira será unha esixente contrarreloxo, o domingo ás 12 horas en Pasarón contra o Ceuta e co faroliño vermello en xogo. Seguiralle unha visita a Fuenlabrada e un novo encontro como local contra o Alxeciras. Tres partidos contra rivais directos que marcarán as opcións de permanencia en Primeira Federación para o Pontevedra.

Con 24 encontros xogados e 14 por disputar, os de Toni Otero teñen 22 puntos, só un máis que o pechacancelas Ceuta, e están a cinco puntos da salvación, que a marca o San Fernando con 27 puntos.

Os resultados da recentemente finalizada xornada tampouco beneficiaron aos granates, que viron como se afastaban rivais directos como o San Fernando, Fuenlabrada ou Alxeciras, así como o Ceuta, que goleou ao Majadahonda para enlazar o seu terceiro triunfo consecutivo e sexta xornada consecutiva sen perder, axexa xa a un só punto.

O Pontevedra non pode permitirse perder ningún destes tres partidos, posto que unha derrota non só impediría aos de Otero escalar postos na clasificación, senón que afastaría aínda máis a rivais directos. Tras a rolda contra estes tres equipos da súa liga, aparecen no horizonte outras etapas de montaña con picos como os do Linares, Córdoba ou Alcorcón, cunha escala en Majadahonda a finais do mes de marzo.