Un espectacular Pablo Dapena vence en Gran Canaria superando ao campión do Mundo Ironman

Pontevedra
22 de abril 2018

O triatleta pontevedrés, que a semana pasada foi segundo en Roma, proclamouse campión no Challenge Mogán Gran Canaria superando ao actual campión mundial Ironman, Patrick Lange, e confirmando o seu gran momento de forma

Pablo Dapena (centro) tras vencer no Challenge Mogán Gran Canaria Challege Mogán Gran Canaria

Hai poucos días estreou tempada cun segundo posto no Challenge de Roma, e agora confirmou unha semana despois o seu gran momento de forma vencendo no Challenge Mogán.

Pablo Dapena deu unha auténtica exhibición en Gran Canaria nunha proba que contaba cun alto nivel de participación, destacando a presenza do actual campión mundial Ironman en Hawaii 2017, o alemán Patrick Lange.

O pontevedrés xa pode presumir de vencer a Lange, neste caso nunha carreira disputada en formato de media distancia (1.99 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21 quilómetros de carreira a pé).

"Vaya día en la oficina...no tengo palabras para describir el día de hoy, aún no me lo creo", recoñeceu Dapena tras a proba nas súas redes sociais.

A xornada comezou con el na cabeza tras o sector de natación, con 15 segundos de vantaxe sobre o seu primeiro perseguidor e 30 segundos sobre o grupo de favoritos. No ciclismo destacouse Andy Boecherer, pero Pablo Dapena mantivo o tipo nun grupeto perseguidor que chegou á transición a 2 minutos do líder. Nese grupo viaxaban tamén Patrick Lange e Sven Riederer, que comezaron a recortar tempo no sector a pé con rapidez. 

Con todo o que se mostrou máis forte foi o actual campión do España de longa distancia, que alcanzou o liderado superado o ecuador do último sector e marchou en solitario a por un triunfo de moito prestixio. Boecherer repúxose e chegou a recortar tempo nos últimos quilómetros, pero Dapena regulou ben o seu esforzo para cruzar a meta cun tempo de 4 horas e 25 segundos. Tras el a 17 segundos entrou Andy Boecherer (4:00:42), mentres que Lange completou o podio na terceira posición (4:01:17).

Na mesma carreira, o tudense Gustavo Rodríguez foi sétimo na clasificación final (4:08:13).