Un mes de novembro sen descanso para o Cisne

Pontevedra
02 de novembro 2022

O club pontevedrés ten por diante seis encontros oficiais este mes, cinco deles na Liga Asobal máis outro en Copa do Rei. Un calendario esixente que chega co equipo penalizado polas lesións de varios xogadores 

Partido entre Club Cisne Balonmano e Sinfín no Príncipe Felipe Cristina Saiz

Un auténtico 'Tourmalet' é o que ten por diante o Club Cisne Balonmán durante o recentemente iniciado mes de novembro.

O club pontevedrés, que se viu penalizado nas últimas semanas polas lesións e problemas físicos de varios xogadores, ten por diante un auténtico maratón no penúltimo mes do ano con ata cinco partidos de Liga en Asobal e a súa presenza na Copa do Rei.

Esta esixente serie dará comezo este mesmo venres 4 de novembro (21.00 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes coa visita do Bidasoa, que vén de disputar competición europea, no que supón ademais o regreso ao Pavillón.

Despois chegará a estrea en Copa do Rei. Será o mércores 9 de novembro, na casa, nunha liminatoria a partido único contra o Ángel Ximénez de Puente Genil.

Volvendo á Liga Asobal, o terceiro encontro desa semana non podería ter unha carga de esixencia maior, e é que será o derbi provincial en Cangas o sábado día 12 (19.00 horas).

Sen apenas descanso, o martes 15 de novembro o que visitará o Municipal é o BM Torrelavega (21.30 horas), rival directo pola permanencia na máxima categoría.

O mes de novembro pecharase pola súa banda cun desprazamento á pista do Atlético Valladolid (día 19 ás 19.00 horas) e coa visita a Pontevedra do Fútbol Club Barcelona nun partido que finalmente se xogará o domingo 27 de novembro (19.00 horas).

O único alivio para o Cisne é que polo menos durante o maratoniano mes apenas completará quilómetros, xa que o único desprazamento previsto fóra da provincia será o de Valladolid, sendo o resto de partidos na casa ou moi preto ao coincidir o derbi provincial.

CAVALCANTI, OPERADO

Doutra banda este mércores pasou polo quirófano Gabriel Cavalcanti, para corrixir a fractura dos ósos do nariz que se produciu a finais de outubro no partido que enfrenteba o Cisne e ao Huesca.

O primeira liña portugués, home importante nos esquemas de Javier Márquez sobre todo a nivel defensivo, perderase por esta circunstancia as próximas semanas de competición.