Non é que teña valor dobre, pero case. A permanencia na Segunda División B lograda polo Pontevedra Club de Fútbol na última xornada de liga ten máis importancia da imaxinada inicialmente ante a cada vez máis probable reestruturación da categoría.
Se a asemblea da Real Federación Española de Fútbol ratifica a proposta aprobada no Congreso Nacional de Fútbol Afeccionado, o novo formato de competición cun grupo único de 20 equipos máis outra Segunda B 'serie 2' con tres grupos e 60 clubs (na práctica unha cuarta categoría) será unha realidade na tempada 2019/2020.
Se os granates descendesen, como o caso por exemplo do veciño Racing de Ferrol, por moito que a próxima tempada conseguise saír da Terceira División atoparíase igualmente na cuarta categoría, á mesma distancia do fútbol profesional, ao crearse unha nova por encima.
Agora o Pontevedra ten a opción de pelexar polo menos por entrar na Segunda B 'serie 1', na que se coarían os 5 mellores de cada grupo a próxima tempada, un ano que se antolla como clave xa que aínda que non se lograse o ascenso a 2ª, estar nos primeiros postos supoñerá un ascenso na práctica, mentres que a Terceira División pasará a ser a quinta e sexta categoría.
Desta importancia que adquire o próximo curso, tendo en conta que a asemblea da RFEF non tomba habitualmente as propostas que lle chegan, é consciente un Pontevedra que deberá fiar fino na composición do equipo para non repetir o vivido este curso.
Neste aspecto a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, sinalou tras o encontro ante o Atlético B que "necesito una semana de tranquilidad para poder volver a empezar con muchas ganas, quiero borrar todo lo pasado, lo vivido en estos diez meses y empezar con la misma ilusión que he empezado todas las temporadas". Nas súas mans, e nos responsables da planificación deportiva, está confeccionar un plantel de nivel que volva pelexar por meterse nos primeiros postos.