O Pontevedra Club de Fútbol anunciou o inicio na venda do seu novo equipamento deportivo para a tempada 25/26 que está a piques de comezar e que, como novidade, contará con Estrella Galicia como o seu patrocinador principal.
Será con todo un inicio accidentado, e é que o club explica que porá a disposición de socios e afeccionados o primeiro lote da camiseta granate a prezo reducido debido a "un erro de impresión por parte do fabricante nas tallas de adulto (S-M-L-XL-XXL)".
Engade o Pontevedra que ese erro se debe a "un defecto na impresión dun dos logos".
Por ese motivo a entidade porá o lote en cuestión á venda a un prezo de 45 euros para os abonados e de 50 euros para o non abonados.
O prezo das tallas infantís (6-8-10-12-14), xa dispoñibles no equipamento titular, será xa o definitivo e ao que despois se porán o resto de camisetas: 60 euros para os socios e 70 euros para os demais afeccionados.
Polo momento aínda non estará dispoñible o segundo equipamento, de cor branco.
No que respecta ás camisetas con tara, a súa venda será preferente para os abonados que renovaron o seu carné antes do 6 de xuño, desde este mesmo mércores 26 até o venres 28 de agosto na tenda de Pasarón, mentres que a venda xeral habilitarase o sábado 30 de xuño.
As camisetas non vendidas serán recollidas por Kappa a partir do luns 1 de setembro e, avanza o Pontevedra, "substituídas no menor tempo posible".
Ademais o club pontevedrés abriu o período de solicitude para a compra preferente tanto das camisetas sen erro de impresión como para o segundo equipamento para os socios que renovaron o seu carné no primeiro período da campaña de abonados. Este prazo permanecerá aberto até o día 5 de setembro.