Víctor Senra e David López, gañadores do VII Rallye de Pontevedra

Sanxenxo
08 de xuño 2025

Senra e López, a bordo do seu Hyundai I20 Coupé WRC, foron os vencedores da sétima edición dun Rally de Pontevedra que presentou novidades nos seus tramos

VII Rallye de Pontevedra

Víctor Senra e o seu copiloto Ramón López alzáronse coa vitoria no VII Rallye de Pontevedra, quinta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes.

Organizado pola Escudería Congostra Team, a cita regresou con importantes novidades tanto de localización como de tramos, pero co mesmo gañador que o pasado ano.

Así, a bordo do seu Hyundai I20 Coupé WRC, Senra e López completaron o percorrido nun tempo de 59:59.295, proclamándose campións desta nova edición.

O segundo posto foi para Dani Berdomás e Brais Mirón no seu Hyundai I20 N Rally2, cun rexistro de 1:00:29.662, mentres que José Lamela, xunto a Unai Conde, a bordo do seu Toyota GR Yaris Rally2, completaron o podio cun tempo de 1:01:18.178.

En canto ás novidades con respecto á anterior edición, as verificacións técnicas cambiaron a súa localización á Casa de Cultura de Adina, en Sanxenxo e eliminouse o tramo urbano da tarde do venres, optando por unha cerimonia de saída na Praza do Mar de Sanxenxo, lugar que tamén acolleu o parque pecho durante todo o fin de semana.

O parque de asistencia mantívose no campo de fútbol de Baltar, en Portonovo.

A xornada do sábado contou co oito tramos previstos, distribuídos en catro especiais a dobre pasada. A mañá viu a disputa dos tramos de Cerdedo-Cotobade, sen modificacións, e Moraña, que presentou cambios no seu inicio e final para achegar o rallye ao público.

A tarde foi a que introduciu as maiores innovacións co tramo que transcorreu entre Sanxenxo e Meaño, con algo máis de 16 quilómetros.

Finalmente, Barro fixo o seu debut neste rallye cun percorrido familiar para os afeccionados máis veteranos polo coñecido tramo de San Breixo, que formou parte do extinto Rali do Albariño.

O fin de festa do Rallye de Pontevedra tivo lugar na Praza do Mar de Sanxenxo, onde se realizou a cerimonia de entrega de trofeos.