VÍDEO.- Luisito despídese "cunha mochila cargada de orgullo" por ter adestrado "a un club inmenso"

Pontevedra
20 de decembro 2017

O técnico, que renunciou a cobrar o que restaba do seu contrato, despediuse pedindo perdón "á xente que o outro día se sentiu dolida e ferida polas miñas declaracións" e agradecendo á afección o apoio recibido durante o últimos tres anos

Luisito despídese do Pontevedera Club de Fútbol Mónica Patxot

Con boas palabras e pedindo perdón pola súa actitude na rolda de prensa do pasado domingo. Así se despediu oficialmente José Luis Míguez 'Luisito' este mércores do Pontevedra Club de Fútbol, a que foi a súa casa durante o últimos tres anos.

Tras chegar á primeira hora da tarde ás oficinas do Estadio Municipal de Pasarón acompañado dos seus colaboradores Pepe Rico e Roberto Valdés e reunirse cos conselleiros Enrique Mariño, Manuel Ruibal e Pablo Galván para finiquitar o seu contrato, o técnico compareceu ante os medios de comunicación para despedirse dos afeccionados.

A eles quixo pedirlles desculpas, do mesmo xeito que á xente "que o outro día se sentiu dolida e ferida polas miñas declaracións, que evidentemente nas formas perdín a razón", sinalou en referencia á rolda de prensa ofrecida tras o encontro ante o Atlético de Madrid B, porque "o que teño claro é que nunca, xamais, eu lle quixen facer dano a afección".

Luisito márchase renunciando a cobrar o que lle resta de contrato e "cunha mochila cargada de orgullo" por  ter adestrado "a un club inmenso".

O preparador tivo boas palabras cara a presidenta e Consello de Administración, quenes "tiveron un comportamento comigo moi bo" ata que o luns tomaron a decisión de cesalo do seu posto, medida coa que "non estaba de acordo", recoñeceu.

Sen esconder que o seu carácter pasoulle malas xogadas, iso foi sempre para tratar "de defender aos futbolistas todo o que puiden e de defender ao club", no que deixa "moitos amigos".

"A verdade é que non sei que fixen para ser tan querido en Pasarón", explicou un emocionado Luisito, xenio e figura ata os seus últimos minutos como adestrador do Pontevedra Club de Fútbol.

AGRADECEMENTO DO PONTEVEDRA

Case 24 horas despois de que se consumase a destitución de Luisito, o Pontevedra fixo finalmente oficial a decisión a través dun breve comunicado agradecendo "o seu compromiso e sentimento polos noso, polas nosas cores" e desexándolles moita sorte no futuro.