A candidatura do BNG en Pontevedra renóvase dando peso a dirixentes do movemento asociativo

Pontevedra
27 de novembro 2014

A lista integra oito caras novas e a persoas independentes non militantes do BNG, tales como Eva Barreiro Lamas; Fernando Vieitez; Leonor González 'Nené' María Xosé Abilleira ou José María Domínguez Rei 'Chechu'. O sangue máis novo achégaa o número 12, Alberte Oubiña Piai, veciño de Marcón de 23 anos que forma parte da Dirección Nacional de Galiza Nova

Miguel Anxo Fernández Lores na sede do BNG Mónica Patxot

Unha candidatura que mestura o "vintage" de persoas con experiencia en anteriores listas e no propio Goberno local de Pontevedra co "coworking" de ciudadnos afeitos ao traballo en equipo e co sangue novo de "xente representativa de movementos da sociedade organizada". Así é a lista definitiva do BNG de Pontevedra para optar ás próximas eleccións municipais dende o punto de vista do alcalde e candidato nacionalista á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores.

Tras confirmar que el encabezaría a lista e presentar publicamente o seu número 2, Anabel Gulías, este xoves Lores presentou os 25 integrantes da súa candidatura, na que repiten todos os membros actuais da Corporación, se ben un deles, Miguel Filgueira, o fai nos últimos postos e sen posibilidade de saír reelixido. Lores explicou que el lle pediu que fora en postos de saída, pero rexeitono porque llo impiden "responsabilidades persoais e profesionais".

O responsable local do partido, Raimundo González, explicou que esta lista non se deu a coñecer antes porque era necesario referendala en asemblea. Unha vez aprobada, Fernández Lores explicou que á hora de elaborala quixeron conxugar as caras novas coas de máis experiencia e recoñeceu que elixir ao seu número 2 non resultou sinxelo, pois "o que nos gustaría é levar de 2 a todos". Destacou, de todos os xeitos, a súa confianza en que ata os postos 12 ou 13 da lista todos os candidatos teñen altas posiblidades de formar parte da próxima Corporación municipal. Sustenta esta confianza en que o BNG se presentará ás eleccións de maio de 2015 coa "aspiración de revalidar un quinto mandato" á fronte da Alcaldía de Pontevedra.

Lores declárase "satisfeito de feito ata agora", pero recoñece que "non podemos durmirnos nos loureiros nin limitarnos a ser autocomplacentes"

Á hora de elaborar a candidatura tivo en conta, segundo explicou, "criterios de compromiso con Pontevedra" e os nacionalistas decidiron contar con dirixentes e integrantes do movemento asociativa da cidade, dende comunidades de montes a asociacións de veciños. Así, inclúe a Henrique Juncal Tilve (13), integrante das asociacións de veciños e comuneros de Salcedo; á presidenta da asociación veciñal de Lérez, María Xosé Abilleira (15); Sebastián Filgueira Conde 'Sesi', comerciante da rúa Santa Clara e membro da directiva de Aempe; á presidenta dos comuneros de Tomeza e traballadora de CIG, Diana Rodríguez Regueira (17); á actual representante dos estudantes de Belas Artes, Mariña Pérez Vilar (21); a Eva Barreiro Lamas (19), integrante da asociación de veciños O Miradoiro e de asociacións de pais de Monte Porreiro; ao presidente da Asociación Amigos de Campolongo, Fernando Vieitez (22); e á histórica activista contra a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra Leonor González Prieto 'Nené'.

Ademais, optou por dar peso a persoas independentes non militantes do BNG, tales como Eva Barreiro Lamas; Fernando Vieitez; Leonor González 'Nené' María Xosé Abilleira ou José María Domínguez Rei 'Chechu', número 20 e actualmente traballador do hotel Campaniola de Campañó.

O sangue máis novo achégaa o número 12, Alberte Oubiña Piai, veciño de Marcón de 23 anos que forma parte da Dirección Nacional de Galiza Nova. Mariña Pérez Vilar, que ocupa o número 21, e Jose María Domínguez, de 28 anos, son os outros integrantes máis novos.

Ata o número 11 da lista a única novidade é Anabel Gulías, pero a partir dese número encóntranse sete novidades (en total hai oito nomes novos): Alberte Oubiña (12), Diana Rodríguez (17), Vitor Almeida (18), Eva Barreiro (19), José María Domínguez 'Chechu' (20), Mariña Pérez (21) e Fernando Vieitez (22).

Lores declarouse "satisfeito de feito ata agora, que non é pouco", pero recoñeceu que "non podemos durmirnos nos loureiros nin limitarnos a ser autocomplacentes".