Garza do Gafos e a londra da Illa do Cobo

08 de decembro 2025

Velaí o Gafos a desbordar. Sentes o río grande, a herba das oureiras enchoupada de auga e os vieiros embelecidos pola policromía das cores das follas caídas que mudan de sitio co vento.

Alí está detida no tempo, a carón dun vello ameneiro, unha garza que racha coa monotonía gris da invernía. O seu pico amarelo semella indicarlles aos peregrinos que pasan a cotío ao seu carón o Camiño de Compostela. Dende aquel remanso do río séntese importante e erguese para que reluzan nas fotos que lle fan o seu penacho negro e o seu dorso da cor do marfil.

Neses intres non se sente soa, agradece a compañía dos peregrinos que pasan ao seu carón e dos paxaros que lle fan compañía.

Ela agarda paciente as visitas, non ten présa. Nas tribos americanas considérana o símbolo da paciencia e pensa que nunca choveu que non parara.

Séntese a raíña do río, aquí atopa todo canto precisa. Para que emigrar? Durante os días do cru inverno, porén, ás veces séntese moi soa, agarda con esperanza que desatasquen o río ao seu paso por Campolongo para que os cativos das escolas poidan facerlle compañía e, se cadra, nos recreos compartan con ela algunha lambetada e sentir o balbordo e as risas das crianzas.

Noutro espazo da cidade, un día, paseando pola Illa do Cobo cunha cadeliña, de súpeto, a miña filla alértame do paso dunha londra debaixo dunha ponte de madeira, nadando moi discreta, deixando tras de si unha estela de estrela fugaz.

Era a derradeira vez, despois de moito tempo paseando pola illa, que a vira naquela xunqueira onde agroman as esculturas e que se converteu nun pulmón da cidade. Agardamos que a súa presenza non sexa tan efémera como a dos cisnes que houbo noutrora. Foi boa idea dotar de iluminación ese espazo, moi frecuentado por paseantes e deportistas a cotío.

Longa vida á garza do río dos Gafos e á londra da Illa do Cobo, e que poidamos visitalas a miúdo! Os animais tamén adoecen de soidade.